Thursday 25 de April de 2024

A Xunta destaca o labor conxunto das administracións e entidades sociais como clave para loitar contra o narcotráfico


O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o ministro de Xustiza, Rafael Catalá, clausuraron a xornada “A loita administrativa e xudicial contra o narcotráfico”, que se celebrou hoxe na Escola Galega de Administración Pública

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou o traballo conxunto que están a realizar as distintas administracións e as entidades sociais para loitar contra o narcotráfico.

Alfonso Rueda e o ministro de Xustiza, Rafael Catalá, clausuraron esta tarde a xornada “A loita administrativa e xudicial contra o narcotráfico”, que se celebrou na Escola Galega de Administración Pública.

O vicepresidente lembrou o convenio asinado coa Fundación Galega contra o Narcotráfico, que permite a esta fundación, xunto co colexio de Procuradores da Coruña, colaborar cos órganos xudiciais galegos na xestión dos bens decomisados, co obxectivo de que eses bens poidan ser empregados para fins sociais de reparación dos danos do narcotráfico.

Rueda destacou que con estas iniciativas non só se elimina a rendibilidade á actividade destes delicuentes senón que se consigue que ese rédito sexa obtido sexa destinado a axudar ás vítimas.

Durante a súa intervención, o vicepresidente, valorou a posta en marcha da Oficina de Recuperación e Xestión de Activos, cuxa orde de entrada en funcionamento foi publicada no Boletín Oficial do Estado nos últimos días. “Queda demostrada que foi unha prioridade do Ministerio sacar adiante este proxecto”, indicou Rueda. Ademais, puxo en valor que se ampliou o obxectivo inicial da oficina, que nun principio era recuperar bens, ao labor de administralos e xestionalos e se lexislou para facilitar o decomiso dos bens froito da actividade delitiva.

O vicepresidente destacou que a Xunta quere estar ao lado destas iniciativas, e máis tendo en conta as consecuencias que o delito do narcotráfico deixou na nosa sociedade. Nesta loita o Goberno galego ten implicado tanto aos servizos sociais autonómicos como aos sanitarios e incluso aos médicos forenses en programas de prevención e de rehabilitación das drogodependencias, con liñas de axuda e convenios tanto con ONGD como con concellos.

A xornada foi inaugurada pola directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, que lembrou que a problemática do narcotráfico ten un marcado carácter multidisciplinar por afectar directamente aos ámbitos económico, social, xudicial e sanitario. Todas estas perspectivas foron tratadas en profundidade na xornada, na que expertos na materia, tanto nacionais como internacionais, deron conta polo miúdo desta eiva.